XA QUE CHORANDO NACÍN

terça-feira, 6 de fevereiro de 2007

Opaiii!!!

A vida é unha cousa unha putada que nos dá voltas, que nos engole, que nos eleva e afúndenos, que nos dá premios cando nos portamos ben que nos esnaquiza ou nos dá carbón pero que inevitablemente nos mete nun buraco negro de terra de esquecemento.

A vida é como aquel que recibe unha caixa sen precintar e tan só lle din que debe sostela ata que apareza alguén a recollela. Hai quen simplemente sostena sen preguntarse que hai dentro ou o pregunta pero non ten atrevemento suficiente para abrila. Quen sabe, quizais dentro haxa un obxecto marabilloso con instrucións de uso para aquela persoa que sostén a caixa...

Hai quen decidirá abrila e, e esquecéndose das instrucións as tira e pásase todo o intre tentando descubrir para que vale o obxecto e de súpeto aparece un tipo e leva a caixa. Quen sabe se nelas pon que ese relucente obxecto é para que o goces mentres poidas; ou quen le as instrucións pero coma se non as lese por que non tenta entendelas ou quen as le pero ao final usa o obxecto como lle vén en gana e logo rómpeo...

Ou quen abre a caixa e ve ese marabilloso obxecto no seu interior e esnaquízao e písao e cóspelle. Quen sabe se ese obxecto ... Hainos que a abren pero en ningún momento interésanse polo que hai no seu interior ou simplemente interésanse máis pola caixa. Ou os que se dedican a esnaquizar os obxectos e as caixas dos demais. Deses hai moitos.

Tamén hai quen goza do seu obxecto de forma obsesiva e como os enganchados a unha droga, e seca o seu obxecto e logo podrece nun fastío e pasan os días e as horas e os anos e nunca dá aparecido ninguén que lles recolla tan pesado tormento. E os que se aburren axiña tan axiña que non saben que máis facer e a tiran e o seu tempo dura unha ínfima parte do dos demais.

Están aqueles que abren a caixa e descobren un obxecto que os cega e entón colócano nun pedestal e idolátrano e non fan outra cousa; e os que non len as súas instrucións, por lacazáns ou por ineptos, e escoitan a outros que lles din que deben respectar e coidar tanto o prezado contido da súa caixa que ao final nunca fan nada con el, ou que simplemente, "veña, deixa que cho coido eu" e quedan baleiros, baleiros.

Cantas formas de vivir!. O outro día vin un anuncio dunha televisión dun millón de cores. Un, dous, tres, catro, cinco, un milleiro de milleiro de cores. Toc, toc!!! Hai alguén aquí capaz de distinguilos todos?

Hai quen abre a caixa con sumo coidado, con precisión de cirurxián, colle as instrucións con luvas de silicona, asépticos, le ditas instrucións, unha, dúas, tres, cen veces, e segue o procedemento de forma tan precisa, tan minuciosa que ao final nunca chega a gozar relamente do seu indescritible contido. E os que len as instrucións e non fan máis que equivocarse na súa aplicación. E os que as len e gozan toda a súa vida do obxecto ou ben non as len pero usan a súa intuición e, a pesar de que ás veces se equivocan, ao final non teñen queixa cando llo veñen a recoller.

Os que a abren e non o usan. Os que o usan, sen moitas complicacións. Os que, nese anterior caso, axudan aos demais a usalo...

Os que empezan con mal pé ata que se lles ocorre ler as instrucións...

Ti de cales es? Eu son dos que non sempre entenden as instrucións, dos que ás veces usan un pouco a súa intuición, dos que tentan gozar todo o que poden desa cousa estupenda pero ou ben non sempre o conseguen ou ás veces abúrrense por unha tempada, dos que tentan axudar aos demais a usar os seus propios, dos que cren que xuntándose dúas persoas os seus propios obxectos xuntos son máis que a suma por separado...Eu son dos que non se van a quedar parados esperando a que un día apareza alguén e leve a caixa. Eu son dos que non se preguntan acerca do que pasará cando lla levan, porque só se preocupa de tentar usar esa cousiña o mellor posible, gozala, non rompela...

Eu son dos que tentan entender ese obxecto pero sen matarse, sen facer diso o "obxecto"; dos que tentan apreciar eses pequenos detalles esas filigranas do incrible ourive que o fabricou, e dos que tamén queren collelo na man e velo co brazo estirado e ver que bonito é o conxunto...

Opaiii!!! Gózao!!!!

Um comentário: