XA QUE CHORANDO NACÍN

quarta-feira, 7 de fevereiro de 2007

Xeiras

Estou canso de enganarme de dar voltas nun mundo que da voltas nun sistema solar que xira no brazo dunha galaxia en espiral que xira e xira en roda, e da que estamos a mamar dun dous seus tetos de vaca marela, agarrándoo con forza cunha man mentres que ca outra violamos a nosa nai a terra.

Quero seguir un camiño que chegue a algures, con voltas que non che fagan desandar o andado, por fermosos vales e desesperantes desertos pero que chegue a algures. Quero atopar algo, un bico, unha aperta, uns ollos e votar un baile, dáme igual un que outro, unha mazurca ou mesmo un maneo... non, minto, se teño que elixir entón será un maneo ou unha xota puntiada, deses bailes que parece que estás a facelo amor... ou tamén botar un berro como un aturuxo pero sen estar a facer festa só por sacar a bosta que me teñen deixado dentro: alguén cantou algo así como que lle deran a chave para ser ceibado da xeira.

ISO É!!!! Estar ceibe!!! Xa, quen puidera. Fuxir do cárcere, ser libre, deixar atrás a xeira.


xeiras.f.

  1. Xornada de traballo, tempo durante o que se fai un traballo sen interrupción. Isto facémolo dunha xeira.
  2. Cantidade de traballo que se fai durante unha xornada ou dunha soa vez, ou serie de cousas feitas sen interrupción. Agora descansamos e á tarde dámoslle outra xeira. Entre os catro fixemos unha boa xeira.
  3. Paga que cobra unha persoa polo traballo dun día. Cobra unha boa xeira. SIN. xornal.


E non o digo por que estea farto dos cartos, non. Os cartos non dan a felicidade pero axudan... disque é así, que os cartos, eses cartos que te roen os petos, eses cartos que padecen de autofagocitose día a día dende que chega a nómina domiciliada ó teu banco, axudan... a estragala a perdela, que axudan a sermos menos felices.

Non, falo do esforzo, de cando traballas e traballas e chegas a casa mallado co lombo escachado e de tan canso que estás que non queres nin saber de foguetes coa muller que te espera na cama, e aínda por riba, non lle sacas un can, ao traballo, non aforras un peso, un puto Euro. Non se sinte un engaiolado? E logo non é? Dese esforzo é do que falo, desa xeira. Do sentimento de estar atrapado nunha vida na que un se esforza por todo en non chegas a nada. Quero ceibarme. Quero ser ceibe para escolle-lo meu camiño... para botar un baile solo e escolle-la bailadora que me pete e logo, sabendo que é ela, que din cunha boa parella de baile, que se deixa levar e que leva, que goza das voltas e reviravoltas, que non se cansa e que necesita parar para darlle un grolo ao reparador licor do negro café, e logo, botar un agarrado tal que un non saiba onde empeza ela e onde empezo eu... que pra iso son os agarrados...

Quero ver que a xente se quere, se axuda, que a xente deixa os medos e os rancores, que a xente respecta o que ten, a súa vida, a súa terra, o seu entorno. Quero ver como as más pechadas voltan a abrirse para poñelas nos lombos dos outros, como os brazos se separan para facer un sitio o teu compañeiro e logo voltan a se pechar, como as miradas dan luz e non escuridade e como as bocas ofrecen bicos e sorrisos.

Quen non o quere? Penso que nalgures o nun tempo atoparei a miña corredoira a miña estrada o rego, e que me levará a morte pero... mentres non chego o destino... tirulí! meu gaiteiro, cantas pezas darei botado!!!

Nenhum comentário:

Postar um comentário