XA QUE CHORANDO NACÍN

domingo, 27 de maio de 2007

Eleccións municipais

Veño de votar. Xa cumplín. Fagoo porque penso que é unh dereito e unha obriga de todos os galegos e de todos os españois. Non sempre é agradable porque ben certo é que en moitos casos non merecemos os políticos que temos. Os máis deles son merda, borralla, xente que se merecería estar nos últimos escalóns da sociedade... e pola contra ahí están, levando o volante dos nosos concellos... é o que hai...

O certo é que síntome orgulloso de ter ido a votar. Quen non o fai simplemente por lacazán, bo, é a súa elección. Quen non o fai porque todos os políticos son iguais e non valen para nada... bo, tamén é a súa elección pero no fondo, é de idiotas: é normal pensar así, que os políticos son todos iguais, pero non votar é quitarlle a oportunidade a un que si que valla a pena de chegar a facer algo. Penso que non toda a xente é igual, que hai xente boa, e se hai xente boa, e os políticos son xente, algún bo haberá. Moitos políticos contan con que a xente non vote. É o seu xeito de seguir ahí, no sillón, e logo facer o que lles pete.

Dime, ti que estás a ler esto, fuches votar? Si, moi ben. Non fuches? Non? E non sintes vergoña? Eu sentiria, en serio. Dime, que pensas que vai cambiar deixando ti de votar? Pensas que aqueles políticos que están ahí só por se aproveitar van dicir: "oh, a xente non vota, iso é porque están candos de que estemos a chupar así que vamos a deixar de facelo, vamos a nos preocupar máis pola sociedade e menos polos nosos petos". Sabes? Es un iluso. A sociedade non vai ser mellor porque ti deixes de votar como xeito de protesta. A sociedade vai cambiar a mellor se a xente vota ata que apareza un político honrado, no que confiar, que traballe realmente pola xente e non polo peto. Pénsao para a próxima vez.

Dime, ti, político que estás a ler esto. Estás a traballar pola xente ou polo teu peto? Pola xente? Seguro? Moi ben, noraboa, segue así. Non, polo teu peto? E estás orgulloso? Sabes, tes sorte. A xente vótate. Eles confían en ti e ti es un ladrón. Non minto. Os ladróns son máis honrados. So espero que apareza un político de verdade que che poña no teu sitio. Mira Julián Muñoz. É o único futuro que tendes a xente do teu nivel. Sorte.

Eu hoxe votei ca esperanza de que desta volta as cousas cambien pra mellor. Pode ser que non sexa así, pero se non é agora pois será dentro de catro anos ou dentro de oito. Nalgún momento. Eu votei pola esperanza. Ah! e votei polo BNG que o saibades. Penso que podo confiar neles.

Resultado VI CONCURSO MALVEIRAS 07

Chegou o día, chegaron os grupos e actuaron e os xuices deliveraron e sairon tres premiados.

Pero antes, como faría Nei... dicir simplemente que o pasei en grande, que cansei de tirarlle fotos a todos os grupos, que todos o fixeron moi ben e que todos lle puxeron moitas gañas, e que debo felicitar os tres premiados. Respecto deles, dicir que, bueno, haberá xente que opine que a orde dos premios non era xusta. Seguro. Eu ahí non me meto. Tan só dicir, que os tres que gañaron son moi bos, moito e ó resto, que a seguir traballando e a porlle moita ilusión que é unha cousa moi bonita.

Á organización (na que participei, pero que é sobretodo cousa de Jose Eiras) que estivo moi ben, moi ben, que todo o mundo quedou contento e que foi o mellor de todos os anos. Que o ano que ven propoño engadir un grupo de gaiteiros e tres ou catro pezas bailadas con xente dos grupos no escenario e que es o mellor presi de Malveiras.

E agora os premios...

1º Grupo "A" de Cantigas e Agarimos de Santiago (900 € e diploma).
2º Brétema da Casa Galega de L´hospitalet (400 € e diploma).
3º Donaire de A Coruña (300 € e diploma).
Premio do público: Donaire de A Coruña.

So engadir unha cousa. Sei que ninguén do concello de Vilagarcía vai ler isto nunca, pero quen sabe... por iso, gustaríame pedirlle ó concello que se implicase máis no concurso. Máis cartos, máis axudas. Sempre hai moitas cousas que facer e é moito o que implica este concurso: fama da cidade, xente que ten unha ilución, moitas cousas.

Felicidades á todos.

VI CONCURSO MALVEIRAS 07
Asociación Malveiras

sexta-feira, 25 de maio de 2007

Os amigos e a caracola

Foi un día que uns amigos atoparon unha caracola, e que a caracola tiña vistas ó mar... á inmensidade do océano, e decidiron colgarse dela xa que se estaba ben alí todos xuntiños. E foi que chegou o solpor e foi tan fermoso que pensaban que a caracola sería un bo sitio para quedar a mira-las estrelas. E foi que sairon as estrelas, co luceiro da tarde que lles alumeaba o corazón, e non querían deixar a caracola.

Onde mellor se está que nunha caracola, na compaña duns amigos, co solpor dun lado, de vermellos, laranxas... e as estrelas saíndo polo outro?

Esta foto foi tirada por un señor que pasaba por alí na maravillosa noite da maravillosa tarde dun caluroso día das letras galegas de 2007. Un grupo de amigos estaba a mirar o solpor encaramados a escultura da caracola de Donón, en Cabo Home e saiu esta cousiña. A qué é boa? A min, encántame. (Publicada con permiso de Malmequer).

quinta-feira, 24 de maio de 2007

Como mola o San Xoán!!

Parece mentira pero este maravilloso mes de maio xa remata. Nunca o olvidarei porque este ano, viu cheo de regalos... un deles, a festa dos maios en Vigo. Outro, un montón de amigos e o terceiro... bueno, iso é algo entre xullo e eu.

Maio remata tormentoso e chega xuño e con xuño, como quen di xa a volta da esquina, a noite máxica de San Xoán...

Encántame esa noite. O certo é que ten algo de enmeigante, de máxica. Os antigos non a escolleron por que si. Qué será? Non o sei, pero o teño pasado moi, moi ben. Sobretodo de pequeno, no barrio, cando facíamos a cachada e íamos por Vilagarcía adiante a pedir para a fogueira e logo a mirábamos arder e montábamos unha boa festa. Que tempos. Que mágoa que pasaran. O certo é que tal como o facíamos nos no barrio xa non se fai en ningures.

Logo un faise maior e San Xoán pasa a ser unha festa con alcol e fogueiras na praia e baños nu e ver amencer e esas cousas. E logo un faise máis maior e marcha a vivir só e pásanlle cousas como a que vos contarei se pinchades aquí.

quarta-feira, 23 de maio de 2007

A ver, que pasa co cuestinario Proust?

Un día, navegando pola blogoteca, atopei isto do cuestionario Proust e picoume o gusanillo e hoxe, decidínme a facelo. A ver que pasa.


O cuestionario Proust:

O principal rasgo do meu carácter?
A miña alegría de cara á vida. Non sei, gústame vivir como un adulto pero sen olvidar que sigo a ser un neno nalgunha parte de min. Non sei, creo que iso implica moito máis.

A calidade que prefiro nun home?
A honestidade, a verdade.

A calidade que desexo nunha muller?
Supoño que o mesmo que nun home: cal é a diferencia? Creo na igualdade. De todos modos sei unha palabra que responde ben (con b de bo) esta pregunta: o nome dunha muller.

O que máis aprecio nos meus amigos?
O mesmo que nun home ou nunha muller e amais, a lealtade, o compañerismo (non me refiro á cega lealtade, non).

O meu principal defecto?
A miña falta de vontade. Faime ser moi descoidado ás veces, moi complacente.

A miña ocupación preferida?
Quizais sexa ler pero o certo é que, por causa do que dixen antes, son moitas cousas: pasear, falar, estar cos amigos, cantar, bailar… hai máis, pero a principal é ler.

O meu soño de dicha?
O meu soño de dicha é ter unha muller ca que compartir a túa vida...

Cal sería a miña maior desgraza?
Hai moitas pero penso que dicila sería como conxugalas. Ou peor todavía, non o conto non vaia ser que pase como en “Gran Hermano” (no libro, eh!: e o que queira saber que pasa no libro que o lea, que é unha grande lección de vida).

Que quixera ser?
O que xa son: hai moito que facer aínda, queda moito tempo e non son perfecto nin o serei nunca, pero con ir pulindo algo o meu lado malo, e seguir sendo eu, e ser feliz, xa me chega.

Onde desexaría vivir?
Jajajaja, non sei, miña cidade ideal sería Santiago. Encántame. Nunha aldea tamén, no monte e preto, relativamente preto do mar. Na Illa de Arousa. E, bueno, quizais en Vigo…

A cor que prefiro?
Esta é unha resposta curta: o verde. Non hai volta.

A flor que prefiro?
A chorima. E tamén a Lantana. A chorima polo que é, a beleza no medio da forza, da aspereza. E a Lantana, a Lantana é especialmente fermosa: cómo cambian as cores en cada ramillete, é impresionante.

O paxaro que prefiro?
Teño dúas pero son similares: a pega e o corvo. Xa sei que para moita xente non ten moito sentido, pero impresióname moito a súa intelixencia e o seu estar, a forma de voar.

Os meus autores preferidos en prosa?
Moitos, hai moitos, pero si teño que por algún supoño que un deles é Tolkien, quizais o que máis. Asimov, que sempre me gustou moito e Kin Stanley Robinson, na ciencia ficción. Ah! E Frank Herbert e Dan Simmons. Paul Ouster tamén me encanta. E se me poño poderei engadir máis.

Os meus poetas preferidos?
Non leo poesía, como tal: gústame Sabina e Silvio Rodríguez, que tamén son poetas.

Os meus heroes de ficción?
Salvor Hardin; Frodo, como non. Ender Wiggin. O capitán Nemo. O bombeiro Montag. E os que faltan. E se falamos de cómics, a lista é interminable, empezando por Batman e terminando en Lobezno.

As miñas heroínas de ficción?
Marisa Mayo y Clarisse McClellan. Xulieta e Helena de Troya. Ann Clayrbone. Aenea y Mina Harcker. Seguro que hai mái. Nos cómics unha das principais heroinas é Martha Washington, ah!, e Kitty Pride.

Os meus compositores preferidos?
Sempre gustei moito de Claude Debussy e de Maurice Ravel.

Os meus pintores predilectos?
Neste apartado o teño bastante claro: Van Goth e Pablo Picaso. E Dalí, e Sorolla…

Os meus heroes da vida real?
Un héroe da vida real. Debo dicir que un para min un héro da vida real non é unha desas persoas que se fan famosas na tele. Eses son os villanos da vida real. Tamén o é George Bush e Aznar e Blair e en xeral toda a xente que fai que este mundo sexa unha merda. Por iso, un héroe da vida real é Michael Moore por exemplo, ou auquelas persoas que apartan a súa vida por un ideal, por un ideal deses que fan que o mundo sexa un sitio mellor. Oskar Schlinder, é unha persoa que me ten impresionado moito. Sen outro motivo que a súa dignidade como humán fixo o que fixo. Ou os meus pais por vivir como viven. Ou certa muller que eu me sei…

As miñas heroínas históricas?
Helena de Troya é unha. Naquela época decidiu como queria vivir. Dian Fossey tamén o é: loitou por preservala biodiversidade do noso planeta e só atopou a morte dos seus gorilas e dela.

Os meus nomes favoritos?
De muller Eva, Lucía, Uxía, Aldara. De home? Xan, Xocas, Brais, Daniel.

Que detesto máis que nada?
Á xente que pisotea ós demáis, que non se preocupa polo que fai e que lle importa ben pouco ó que sucede ó seu arredor. Na cúspide dese tipo de xente están os tres que citei antes. E a hipocresia e a falsedade malintencionada.

Que caracteres históricos desprezo máis?
Supoño que esta é a resposta máis trillada, pero principalmente a Hitler e a Franco, e no seu mismo nivel e considerando que formarán parte da historia, os trío das Açores. En xeral a todos aqueles que promoven a morte, a guerra e a destrucción en azas dun irreconocible ideal.

Que feito militar admiro máis?
O desembarco de Normandía: aquelas persoas que loitaron polo bando dos aliados foron realmente héroes: sabían que calquera podería morrer e loitaron só por un ideal. E, si se pode considerar un feito militar, ós irmandiños, pola parte que nos toca. Ah! e a defensa dos galos da súa aldea ca axuda de Astérix e Obélix… non, é broma.

Que reforma admiro máis?
A lei que permite o matrimonio entre homosexuales porque quizáis sexa unha ley moi rompedora e que restablece, nos nosos tempos nos que xa está case todo avanzado, os dereitos de moitas persoas.

Que dons naturais quixeras ter?
Comer e non engordar. É un gran don natural, pero bueno, non pensedes que é imprescindible. É que non me queixo. Canto, bailo, debuxo, escribo medianamente ben. Qué máis quero?

Como me gustaría morrer?
Jajajajajaja. De vello, na cama, facendo o amor, se aínda estivese esa persoa querida ó meu carón. Ou se non pode ser, durmindo, cando chegase a conclusión de que xa lle chegaba. Ou bailando.

Estado presente do meu espírito?
Non hai outro que non sexa a felicidade. Neste momento na miña vida, no meu espírito, cumplense todas as partes da ecuación indicada por Eduardo Punset no seu libro “El viaje a la felicidad”.

Feitos que me inspiran máis indulxencia?
A inocencia, a verdade, o arrepentimento sinceiro. Os actos cometidos por unha cadea de erros non intencionados. Os actos cometidos por descoñecemento ou sen maldade.

O meu lema?
”Carpe diem”. E logo engádolle iso de “Pouco a pouco” e todo é perfecto.


Agora só me queda dicir que parece por ahí que hai que lle pasar o testigo a outros, así que ahí vai:

Malmequer
O Ghaiteiro de Lapamán

terça-feira, 22 de maio de 2007

VI CONCURSO MALVEIRAS 07

Grupos participantes por orde de actuación(por motivos de transporte o grupo Bretema que iba no lugar 7º pasa ó 1º)

Organizado pola Asociación Cultural Malveiras e o Concello de Vilagarcía o vindeiro sábado 26 de maio.

  1. Grupo Brétema da Casa Galega de Hospitalet
  2. Grupo Vai de Roda de Rianxo
  3. Grupo de bailes populares Iar de A Coruña
  4. Grupo Donaire de A Coruña
  5. Grupo Colexiata do Sar de Santiago
  6. Grupo Fortín da Pomba de Bandeira
  7. Grupo “a” da escola Cantigas e Agarimos de Santiago

Na deliveración do xurado actuarán as pandereteiras e gaitas de Malveiras.

Cada grupo interpretará unha peza cunha duración máxima de 6 minutos.

A patir das 16:00 estarán as portas abertas só para os grupos participantes, (que podrán ver o esceario), e a partir das 19:00 horas para público asistente, comenzando o concurso as 20:00 horas.

Cando sopla o Nordés...tin@s!!

Na miña terra, no Salnés, todos sabemos que cando sopla de nordés-te ven o bo tempo. Sopla o vento e pola noite fai fresquiño pero loce o sol que da gusto... En Vilagarcía a cousa vai máis aló: cando o vento ven de Carril.

É por iso que eu particularmente adoro o vento do nordés. Para min, ven cargado de morriña, é un vento morriñento, pero tamén de felicidade e de enerxía. Quizais por que min de neno sempre significou día de praia, e a praia era poder estar cos meus amigos, unha tarde de diversión. Agora ese tempo xa pasou pero aínda o vento do nordés, o vento de Carril, é vento de sol e de boas lembranzas e de morriña e de felicidade.

Podería ser que por iso o trío formado por Abe Rábade, Ugía Pedreira e Guadi Galego collera o nome de Nordestin@s?. Non o sei. Non podo saber o significado que ten para eles. Pero o certo é que escoitando o disco, sei o significado que ten para min a súa música: é o mesmo que cando sopla o vento do nordés dende Carril.

Música morriñenta, melancólica, pero o mesmo tempo forte, con enerxía, que trae, case sempre, lembranzas do sol. Non pode ser doutro xeito. A súa base é o Jazz, e as melodías do jazz, os acordes, sempre traen o sol (ou case sempre).

Pero tamén teñen a tradición, nas letras, nas melodías. E con elas veñen as sensacións máis variadas: o amor, a paixón, a vida, o sofremento. A morte. O Jazz é unha música de sensacións.

Sempre farei loita polas cousas sinxelas... non polo minimalismo, si pola sinxeleza. Non son o mesmo. A sinxeleza é comer unhas castañas asadas ó lume. Ó minimalismo é por unha soa castaña nun plato. A sinxeleza é facer música usando só un piano e dúas voces separadas por unha octava. Qué pode haber máis sinxelo que o piano do Abe Rábade e as voces da Guadi Galego e da Ugia Pedreira? Para min facer algo fermoso con tan limitados elementos é unha demostración de grandeza, de xenialidade.

Quizais estea esaxerando...

"Como se extende a mancha, igual que o amor. Negar o azul é máis que nomea-lo nao falarei do mar."

Non falarei de todo o disco, tan só de amores. Falarei de amores. "Falar de amores". Supoño que é o meu tema favorito. Nel mírase perfectamente o ton de melancolía que lle da o piano ós temas de Nordestin@s. Bueno, é o poema de Ugía, que é sinceiramente, delicioso... "...os medos con valor".

Unha melodía fermosa na que a parte vocal ten un peso recurrente ata que chega á volta, e entón desborda... nese... "e falar de amores", e polo fondo pero subindo ó fronte e volvendo a baixar, xogando, o piano, entrelazado cas voces, marcando o ritmo, a intensidade, dando forza, e dando a calma no poema... Non podo falar dos sentimentos e das sensacións que me producen, son moitos. Simplemente encántame.

Nada máis engadir, que aconsello o disco. Quizais pareza lento pero o certo é que hai un tempo para todo. E para escoitar este cd tamén o hai. Disfrutádeo se o mercades ou se o escoitades nun concerto. É a forza e a maxia do Nordés...

Páxina de Nordestin@s
Páxina de Abe Rábade Trío

Sábado noite

Hoxe tocou traballar. Si, xa sei, que todo o mundo ten que traballar, que facelo non é nada extraño. Claro que non. Meu pai leva facendoo dende máis de 34 anos, por exemplo. É o normal. Máis non no meu caso, porque hoxe é un sábado ás once da noite. No meu traballo é o máis normal do mundo. Cada certo tempo fago sete noites seguidas, oito horas de traballo, dende as dez da noite dun día ata as seis da mañá do seguinte. É chungo pero non tanto: de noite non tes que aguantar ós xefes. Tan só algún borracho ó fin de semana ou algunha parella fodendo nalgunha esquina... os botas fóra e xa está.

O malo son os fines de semana. E máis este. Saber que a túa xente o está a pasar en grande en Redondela e ti só tes como compañía a soidade do porto, das grúas, dos barcos. Bueno, a túa xente, e ela, que é a túa xente pero que tamén é algo máis. Penso nela, e neles, en que estarán a facer. Na peza que estarán a bailar. Unha jota, a muiñeira?

Sopla un vento rabudo, que non só fai que senta frío, que tamén fai que aumente a miña soidade. Frío e soidade. E a miña pel, o meu corpo que bota en falta o seu, abrazalo, no baile... no agarrado. As súas mans, devezosas, das miñas. A polca, o pasodoble, a rumba ou o valse. Ou seica foi unha mazurca?

Miro as luces da cidade, alá o fondo e só penso en que tan certo é que teño que aguantarme por esta noite como que se encenden todas, as luces, unha por unha, co solpor.

Ollade a foto. Alá están as luces da festa. Dou voltas e voltas no coche patrulla, e por máis voltas que de a cabeza marcha lonxe, a Redondela. Sintome extraño, despois de tanto tempo, de tantos días de compartir estas horas, por non ter ido con eles, con ela. Síntome fora do meu sitio por que aquí hai soidade e a miña mente ansía a rutina da súa compañía, nos sábados pola noite. Síntome extraño porque penso que noutro universo estarei a bailar entre eles, estarei a mirala a ela agochado tras unha columna, sin que me vexa, como outros sábado, e síntome extraño porque neste universo non é, non pode ser, neste só teño a extraña soidade do porto.

Síntome extraño porque non estou con eles, con ela... no serán.

domingo, 20 de maio de 2007

Costas escoita, a illa está en loita!!!

Xa sei do asunto dende fai tempo pero onte foi unha boa manifa a que levou a protestar ós viciños da Illa de Arousa e a algún... que por alí andaba...

O certo é que a corrupción urbanística é un asunto que a ninguén debería extrañar nos tempos que corren. Tampouco resulta escandaloso a destrucción sistemática da costa e de entornos naturais de valor incalculable polo lucro de uns poucos. O certo é que a xente en xeral é quen de pasar desta merda sempre que os que a cagan sexan discretos. A ninguén lle fastidia que outra persoa faga trampas mentras non se rían dun.

Na Illa de Arousa, nunha fermosa zona pola que teño paseado unhas cantas veces, fai relativamente pouco tempo construiron unhas vivendas unifamiliares (as da foto).

Estas vivendas, foron declaradas por costas ilegais, o cal ata certo punto é normal. A cousa nun principio non debería ter pasado de ahí. Os donos pagaron as súas multas esperando que o novo Plano Xeral de Ordeación Urbanística da Illa legalizase as súas vivendas... pobres ilusos... iso nunca sucedeu.

O que si que sucedeu foi que costas, seguindo adiante co procedimento embargoulles as contas ós propietarios desas casas. Entendo que cando un incumple unha normativa a lei debe tomar cartas... pero, ata chegar ao punto de lle reter os cartos a unha familia normal e corrente. Quén é o que en costas decide que delito é máis ou menos grave? Tan grave é a cousa? Un, que nalgures o chamaron listillo, entende que xa que chegaron ata tal punto os de costas, entón a construcción de vivendas no Dominio Público Marítimo-Terrestre é un asunto ben grave.

Isto lévanos á segunda parte do asunto: xusto diante desas casas ilegais cos seus donos embargados e amenazadas de derrumbamento, entre esas casas e a liña de costa, o Concello, e supón un que costas tamén, veñen de permitir a construcción dun complexo residencial. Na foto que sigue.

E na que sigue con máis detalle.

Entende un varias cousas. Unha delas é que si as casas ilegalizadas están dentro do Dominio Público Marítimo-Terrestre (dende agora, que é moito escriber, DPMT), tamén o estará o complexo ese, non? Outra delas é que si as casas ilegalizadas están dentro do DPMT e o complexo en construcción non, entón a conclusión é que algúen decide de forma totalmente arbitraria e subxectiva o que é DPMT e o que non o é, non? Outra cousa que un entende é que da máis diñeiro un complenxo residencial que un monte de piñeiros (penso que tranquilamente talarían uns 100 piñeiros ou máis) ou que catro casas de catro viciños.

Tamén entendo que ese complexo residencial está sendo construido sobre area. Nada máis e nada menos. Quero pensar que excavarían ata atopar rocha onde meter ós cimentos... e claro, iso lévame a pensar outra cousa: que é da Análise de Impacto Ambiental? Non sei, pero a cousa non parece moi ecolóxica, e xa postos, dame a min que non ten precisamente pouco impacto paixasístico...

Resumindo, que a lo menos para min, aquí hai un grupo de xente que se está a cachondear dos viciños da Illa de Arousa en particular e de todos os galegos en xeral.

Digo eu, que hai que facer nestes casos? Señores, como lle poden pedir a unha familia que cumpla ca legalidade ante unha ilegalidade, unha falta de ética, unha carallada tan grande? Un pouco de por favor...

E claro, logo, os políticos queren que teñamos confianza neles.

Sinceiramente penso que esto é un cachondeo e que hai que facer algo.

Por certo, aquí o enlace á galería de fotos: Manifa en a Illa

Quempallou... Polo Aire!!

A ver, como volo conto... e que aínda non escoitei o disco e o outro día na presentación, pois como que só tiña gañas de bailar... así que pouco podería dicir do disco... por iso será mellor que vos enteredes do ben que foi o concerto.

PINCHA AQUÍ

Páxina de Quempallou

segunda-feira, 14 de maio de 2007

A Rede...

O mundo das coincidencias é algo que sempre me apasionou... non é acaso incrible que ó azar faga que de casualidade dúas persoas se atopen? Non é incrible que un rapaz perdido por Londres, atope o edificio que andaba a buscar xusto no momento no que as persoas que andaba a buscar estaban a sair para ir de festa? Eu penso que o é.

Por iso pregúntome, penso eu, que canta xente da que coñezo ou ca que coñecerei, dos que teñen a miña dirección de correo ou dos que eu lla teño, estarán a navegar agora mentras eu adico un pouco do meu ridículo tempo a escriber esto?

Atópome nun bar en Pontevedra facendo tempo. É un bar que hai preto da estación de trenes, da irreconocible estación de trenes de Pontevedra, no que ofrecen, como en tantos, cousa das modas, conexión wifi gratuita. Só tes que tomar algo e levas o teu portátil e xa tes acceso a internet. Levo aquí dende as nove e mirei o escaso correo, mirei o blogo, entrei en malmequer e deixei a miña pegada, temén fun a xunta o ghaiteiro de Lapamán, bueno, que levo aquí duas horas e fixen moitas cousas. E se non marcho é porque estou agardando a que remate de facer un escaneado o antivirus que veño de instalar... xa sabedes... é bo estar protexidos... pontelo, ponselo...

O certo e que neste tempo, seguro que moita xente coñecida entrou e compartiron conmigo esta incerta rede de araña que é a internet... e eu e eles sen sabelo... tan preto, tan lonxe. É unha extraña melancolía, iso de saber que esa persoa querida, ou esa persoa ca que ben pasarías un rato charlando estivo ahí, conectada uns segundos, uns minutos, e que ti non o soubeches... ó mellor incluso visualizando ó mesmo tempo a mesma páxina...

Quédate un sentimento de cercanía, pero, ó mesmo tempo, que lonxe estamos: nunca o poderás saber, nunca existirá esa comunicación tan desexada. Tan preto... tan lonxe...

terça-feira, 8 de maio de 2007

A primeira vista - Chico César

Quando não tinha nada eu quis
Quando tudo era ausência esperei
Quando tive frio tremi
Quando tive coragem liguei

Quando chegou carta abri
Quando ouvi Prince dancei
Quando o olho brilhou, entendi
Quando criei asas, voei

Quando me chamou eu vim
Quando dei por mim tava aqui
Quando lhe achei, me perdi
Quando vi você, me apaixonei

Foi unha vez que coñecín a unha rapaza xudeu pero galega e santiaguesa e que esa rapaza de fermosos ollos oscuros cantaba que daba ledicia vela cantar e foi que cantou nun local chamado "Modus vivendi".

Foi que eu estaba pasandoo en grande e entón cantou esta canción, e que entón descubra e que era fermosa.

Foi que lin a letra e foi que pensei que algún día gustaríame coñecer a alguén e que esa letra fora certa...

("A primeira vista", é un tema de Chico César, pero o podedes escoitar no disco "Swing Tropical" de Daniela Mercuri. Nese disco tamén recomento "Minas com Bahia", "Nobre bagavundo" e "Música da Rua")

Sito oficial de Daniela Mercury

Ciruxía estética

Xa vedes como é esto. Xa non fai falta ir ó ciruxano para levar un cambio radical... non ó creedes... mirade a foto.

É a mesma cara?

Pois si... pero pasou polas mans do doutor Photoshop!!

segunda-feira, 7 de maio de 2007

Verde

Miro pola xanela da casa e a natureza mostra todo a súa poder ante os meus ollos. Unha nova castiñeira cunhas poucas follas novas, aínda lle pesa o inverno; unha laranxeira, roseiras, amendoeiras, sen a súa branca flor xa co inmaduro froito; unha figuera de grandes follas, unha árbore dos kiwis (cal é a árbore que dá os kiwis?), un crisantemo, vides, moitas vides, moreas de árbores cuxo nome descoñezo e herba, todo o chan cuberto de apetecible herba, que me fala, dime, mira que fermosa tarde, non che apetecerá vir e tombar e esquecer de todo?. Resísto. Nun día como hoxe case son como un Ulises máis.

Sobre o pozo unha maceta con xeranios vermellos e ao redor o sebe de mirto que hai tempo non se arranxa. Todo o terreo que separa as dúas fileiras de casas, as de arriba, na lomba, e as de aquí abaixo, está cuberto de verde, de plantas, de árbores.

De cando en vez as follas móvense ao paso da invisible man da brisa. Non fai demasiada calor, tan só o xusto. Hai insectos revoloteando no agradable aire do atardecer, puntiños que se moven nerviosamente, indecisos, ninguén sabe que desexo os motiva... ou quizais sexa polo melro que hai á beira do castiñeiro?. Máis aló, na sombra doutra árbore rebuldan tres pardais. Agora aparece outro melro máis. A súa negra prumaxe destaca entre o verde e brilla polo sol que loce poderoso e dáste conta de que nada pode parar á natureza. Nada importa o que coidemos os xardíns. Os nosos esforzos, continuos, son vans.

De fondo soa rápida, ensoñadora, a trompeta de Art Bakley, mesturada co canto dos paxaros, e, entre o acougo, o tentador acougo, lembra a unha cínica e melancólica risa.

quinta-feira, 3 de maio de 2007

Se souberas...!!

Se soubera que cantando
Te había de seducir
Cantaría dia e noite
Deixaría de durmir.

Deixaría de durmir
Só cantando para ti
Se coas miñas cantiguelas
Houberas de ser para min.

Se soubera que es para min
ó rematar esta copla
se soubera que es para min
inda che botaba outra

Seguindo co camiño que empezara Rubén de Bueu no seu Blog, o Ghaiteiro de Lapamán, eu tamén vou meter un pequeno apartado sobre cantigas e tradicions. Neste caso non meto unha cantiga precisamente tradicional... bueno, a primeira copla si que o é, por dous motivos. Un deles, que precisamente o Presi Malmequeriano votouna o outro día na regueifa pechaseráns alá arriba en Lourido, peaso asociación veciñal que teñen e peaso turreiro que están montando... adiante, que así é como se fai pais.

O certo é que gústame moito esa idea de namourar a alguén cunha canción... non sei, non pretendo ser Antonio Machín, ou un cantante deses, pero... non digades que non sería romántico? Namourar a esa fermosa muller cantándolle unha cantighiña ó oído...

O outro motivo é plantexar unha pregunta. A primeira das coplas é tradicional, do lugar de Cerdeira en As Neves, pero as outras dúas son da autoría da simpar Felisa Segade... fermosas como a primeira, e igual de evocadoras... (funme deitar a durmire/o pe da auga que corre/e a auga foime dicindo/quen ten amores non dorme), a idea de non parar cantar pola felicidade do amor obtenido.

A pregunta é si é posible crear tradición na actualidade? Quero dicir, estas coplas se as empezasen a cantar nas festas, nos seráns, e se incorporasen á tradición oral, non serían tamén tradición? Qué é da creación da tradición.

Veña, espero as vosas ideas?

O principio da Indeterminación (8)

Hoxe Lucía, sorrindo, tiña pensado pasar toda a tarde na casa ordenando e limpando, e gardando e arquivando apuntes, dela e de Miguel, que despois de tantas cousa que pasaran o cuarto de estudar estaba cheo de papeis acá e acolá, pero fai boa tarde e decide que mellor xa o deixará para mañá que días como ese non hai tantos no ano e que hai que aproveitar despois de tanto traballo.

A Alameda está máis fermosa que nunca, chea de nenos correndo e xogando ó futbol, de vellos paseantes ou de mamás con carriños de bebés. E de estudantes. Párase no miradoiro, cantas veces sentou alí con Miguel, o difícil que é conseguir que estea baleiro, e mira á catedral, ao pazo de Raxoi e alí abaixo, á ventá da súa vella habitación. Que pequena que é. Luce o sol entre as follas dos plátanos de paseo e dos abetos, entre as dos castiñeiros, e pensa que non pode ser máis feliz, e pensa en Miguel, en que non podería ter atopado mellor home, no bo que é que está a traballar nun traballo que non lle gusta, que non o enche para poder seguir a vivir con ela. Pensa que será boa idea baixar ata o seu traballo para esperalo á saída, que hoxe sairá antes, ás oito, e darlle así unha boa sorpresa, seguro que el se alegrará.

Pero é cedo e para a tomar un café no Cibeles, estase ben, tan ben que de súpeto mira a hora no móbil e dáse de conta que é tarde que xa son as oito e cuarto e que como non apure xa non colle a Miguel. Paga rápido, sae correndo cara a porta de arriba do Carrefour, seguro que aínda está dentro, e tropeza de narices con el, que sae nese momento… Miguel, que a mira sorprendido… apenas di hola, e de súpeto detrás del unha voz de muller que di,

“Cariño, xa estou lista, espero que non te fixera esperar moito.”

E Luca que mira a unha muller que tamén a mira a ela sorprendida e que lle colle do brazo a Miguel, sorprendido Miguel, que lle da un bico nos beizos,

“Hola, quen é Miguel?”

E Luca entende e bota a correr e polo camiño non se decata de que dende o momento en que se deu a volta comezou a chorar e que vai tardar moito en parar.

 

Ramón xa pechou o local e está a chamar á súa muller, hoxe vou tardar, teño moito que falar con Luca, que non te preocupes. Lucía pon un anaco de madeira novo no lume. Coñeceu á muller de Mon fai unha hora, que guapa que era, e que ben se a miraba a ela con el, boa parella fan. E que confianza teñen. Xa fai tempo que remataron a botella de licor café e Moncho trae outra. Hai moito do que falar. Moitas cousas que arranxar. Parece que se moveran moito dende fai sete anos pero todo segue aí no mesmo sitio.

“Luca, e dis que el levaba saíndo ca rapaza esa dende facía un mes?”
“Si, traballaba con el: ás dúas semanas de entrar no Carrefour coñeceuna e unha semana despois xa estaba con ela. Cando cheguei a casa era como si estivera fóra de min e seguín a recoller as cousas do estudo e atopei no medio duns apuntes del cartas dela… mira ti que parvada, nos tempos que corren, que todo se fai por móbil e ela escribíalle cartas de namourada a el. Nese momento foi como saír a flote estando a piques de afogar e todo fíxose real para min… agarrei unha maleta, metín cousas del dentro, o resto en caixas, e deixeillo na porta.”
“E el non fixo nada?”
“Si tratou de falar comigo dúas veces pero eu non lle fixen caso. Moncho, foi como si de súpeto me pechasen cun muro de cemento, entendes? Eu pasaba o día chorando metida na casa e nin me decataba. Estiben dous días chorando sen parar e sen comer.”
“El viu a falar comigo varias veces e eu trataba de falar contigo, e cando marchaches empezoume a contar un montón de historias e eu… ben, ti sabes o que eu sentía por ti, non? Discutimos, mandeino á merda e xa non volvemos a tratar igual. Quedabamos de cando en vez pero xa non éramos bos amigos. Descubrimos demasiado tarde que eras ti a que nos facía levarnos ben.”

 

Miguel está parado. Non se pode mover. Como si morrera. Está esperto pero sente que está a durmir nun pesadelo.

Nunca pensou que estivera facendo mal algún. Nas súas ensoñacións mirábase un día contándolle a Luca que xa non a quería, que coñecera a outra persoa ou simplemente non contándolle nada (ollos que non ben, corazón que non sinte), non tiña por qué facelo que ela nada sabía, e ela entenderíao e todos serían felices. Noutras víase o resto da súa vida cas dúas mulleres a un tempo, sen problemas, cada unha nunha parcela da súa vida, sen interferir na outra, felices tamén os tres. Pero aquela tarde deuse de conta que nalgún momento do último mes perdera a perspectiva das cousas e que deixara de ser consciente do que facía. Aquela tarde deuse de conta de que recuperou esa consciencia da súa vida de golpe, na porta do seu traballo e decatouse tamén do moito que quería a Luca e do dano que lle acababa de facer. Quería morrer pero agora xa era demasiado tarde: xa pasara o tempo dos arranxos e das tiritas. Agora chegara o tempo da desesperación, da tristura da alma que perdeu un anaco de si mesma, dos choros… dos arrepentimentos, e dos perdóns que nunca serían concedidos.

Miguel movíase rápido tan rápido que un día descubriu que non sabía onde estaba. Que se perdera a si mesmo polo camiño e que perdera a Luca tamén: nunca máis habería de atopala.

 

“Moncho, pódoche facer unha pregunta?”
“Dime.”
“Qué foi del?”
“Marchou para Madrid e parece ser que alí traballa para unha inmobiliaria. Fai un par de meses viu por Santiago a facer uns negocios e parou a tomar algo aquí. Saímos e agarrouse unha boa. Agora toma guisquis con xeo e dálle á coca que non veas. Non sei, creo que anda moi ben de cartos pero polo que lle entendín debe de andar leado con algún político. Xa sabes, merdas desas das constructoras.”
“Sabes si casou ou si ten parella? Si é feliz?”
“Luca!... Vale, cóntoche. Parece ser que casou pero polo que soltou cando xa estaba borracho aquel día e polo que vin, a pobre da muller debe de ter máis cornos que eu chourizos colgados do teito. Non sei Luca, non debe ser moi feliz.”

Silencio.

“Non dis nada nena.”
“Non, estaba a pensar. Pensaba no día que empezamos a saír. Cando cho contei. Falabamos do principio de incertidumbre…”
“Si, lémbrome, pensei que… da igual, dime.”
“Mira como son as cousas. Ti querías ser unha persoa rica e famosa, das que destacan entre as demais. Ás veces incluso eras demasiado ambicioso. Pero iso non era máis que o que se vía por fora que eu che coñecía ben e sabía como eras realmente por dentro. Ti querías moverte, saír da Galiza e ser famoso fóra dela e o final quedaches no sitio, e estás ben, centrado, tes unha boa vida. E Miguel que era todo o contrario, tan solidario, tan nacionalista, que deiquí non se movía, mira ti como acabou despois de todo este tempo. Marchou. Moveuse e agora non sabe onde está, anda perdido, afundido. Como as partículas das que falamos aquel día. Móvense e non sabes onde están e se están paradas non sabes cómo se moven.”
“E ti Luca?”
“Eu sempre estiven aquí, quieta, escoitando, o voso núcleo.”

FIN

O Principio da Indeterminación (VII)

quarta-feira, 2 de maio de 2007

O principio da Indeterminación (7)

“Moncho, este café de pota que fas está de medo… sabes? Botábao de menos alá nos USA.”
“Faino a muller e logo o deixamos quentando nun aparato que temos aí. A xente gústalle moito. Unha copa?”
“Como non. Deches atopado ó mellor licor café?”
“Je, non sei, miro en moitos sitios, pero este é o mellor de todos polo de agora. Mércollo a un tipiño de Redondela. Ben, e non botaches nada máis en falta? Ou a alguén?”
“Si, sabes que si, sabes que botei en falta á miña familia e… boteiche en falta a ti… e a…”
“E a Miguel. Luca, vouche dicir unha cousa, porque seguramente é o momento. Fai sete anos que non nos vemos nin que falamos e dende entón pasaron moitas cousas e agora o único que podo facer é alegrarme de te ter de volta e de poder falar contigo como se nunca tivera pasado este tempo. Pero cando marchaches, daquela maneira, sen dicir nada a ninguén, eu, anoxeime moito contigo.”
“Si, dinme de conta, nunca contestaches a ningunha das miñas cartas.”
“Xa o sei, pero que queres que fixera. Eu… ti eras a miña mellor amiga e eu non puiden nin preguntarte o que pasara, non puiden darte consolo… So puiden falar con Miguel e saber da verdade meses despois polas túas cartas…”
“Síntoo moito Moncho, pero é que ti non podes entender como me sentín eu. Foi como estar chea de lixo e todo o que levaba no meu interior dende facía meses, necesitaba fuxir… mira, unha mañá levanteime, pasaran dous días, despois de estar chorando toda a noite e todo o día anterior e o anterior, e chegoume como si fora unha revelación: tiña que arranxar aquilo eu soa, non podía apoiarme en ninguén porque doutro xeito, nalgún momento do meu futuro volvería a cometer o mesmo erro e caería aínda máis baixo. Logo, como se fora, non sei, como caído do ceo, chamáronme do decanato e ofrecéronme a beca de doutorado no MIT, en Masachussets, e non o pensei dúas veces. Non sabes como me custou marchar sen me despedir de ti, sen te dar unha explicación, non o sabes… por iso tardei tanto en te escriber… dábame vergoña…”
“Luca… non sabes… ogallá puidera terte axudado daquela…”
“Mon, eu quedara quieta e necesitaba moverme.”

Lucía e Ramón non din nada. Calan. Míranse como dous vellos amigos que xa non se lembraban o un do outro e que de súpeto se recoñecen entre eles e a si mesmos nos ollos do outro. E abrázanse, e mentres o fan Luca estoupa e chora, chora as lágrimas que fai sete anos non chorou no ombreiro de Ramón e lembra, por fin lembra como foi todo…

 

Luca volvía a ser feliz. Como si os malos meses pasados foran auga que nunca correu, como se fora un mal soño deses dos que un esperta convencido que sucederon. Na súa cabeciña xa non quedaba espazo para as discusións con Miguel e para as choreiras con Ramón, o paciente Ramón que sempre lle daba consolo. Xa non tiña sitio para as veces que Miguel a menosprezara ou para as veces que se empeñaba en saír el só alegando o principio de independencia das parellas que tanto lle gustaba alegar. Xa non lembraba aqueles pequenos indicios que lle facían pensar que ela era a primeira na vida de Miguel pero non a única. So tiña sitio para a súa graduación. Por fin terminara a carreira e sentíase feliz de novo.

O certo fóra que aqueles últimos oito meses dende que Miguel se licenciara, non foran nada ben entre eles, e o motivo foi que pouco a pouco el cambiou. Contento quedara cando lle deron o título (ben, o resgardo que aínda hoxe non o ten) pero logo lle foi cambiando o ánimo pouco a pouco: non quedara máis remedio que dar por válida aquela famosa frase de “el quixera cambiar o mundo e o mundo cambiouno a el”. O problema fora que se fixera demasiadas expectativas, e cando as expectativas non se cumplen…

Non paraba de buscar traballo e non o atopaba e xa estaba canso de non ter experiencia, volva cando a teña, estaremos encantados de darlle traballo, ou de que o mirasen mal polas súas rastas e os seus piercings, que el tiña que ser fiel os seus principios e era tan boa persoa con eles como sen eles. E logo empezou a mirar por outro lado que as saídas laborais da súa carreira non eran como para facer festa e nada, oposicións non había e co expediente tan pobre que tiña nin pensar en preparalo doutorado.

Así que entre unha cousa e outra foise amargando e cada vez pelexaba máis ca pobre da Lucía que non tiña a culpa pero que non facía máis que lle rompela cabeza con aquilo de que tiña que se adaptar ao mercado laboral e que si o que pedían os empresarios eran xente cun aspecto determinado pois que el tería que cortalas rastas e sacalos piercing e vestir de traxe e logo que si non atopaba nada do seu que buscara en outro lado que de algo tiña que vivir.

A medida que pasaban os días as rifas ían en aumento ata que un día tiveron unha tan grande que ao día seguinte Miguel, pola mañá cedo, marchou a perruquería, cortou o pelo, mercou algo de roupa, e comezou a buscar polas ETT´s, nos anuncios no periódico, nos anuncios dos supermercados. Dous días máis tarde Miguel estaba a traballar no Carrefour do centro de Santiago, o da rúa do Salvador, en quendas de sete horas, unha semana de mañá e outra de tarde, de luns a sábado, que cando traballaba polas tardes nunca chegaba a casa antes das once da noite canso como un animaliño.

Empezou a saír el só, e empezou a comer fóra e a durmir fóra e Lucía empezou a desconfiar e as discusións foron en aumento, e Miguel, que xa nada lle importaba, cada día que pasaba estaba máis descontento ca súa vida. Así, a súa relación colleu velocidade, como unha carrilana de cubo de lixo pola costa da rúa das Camelias e nada parecía impedir que fora a esnaquizar en mil anacos, ata que chegou o día, tres meses máis tarde, no que Lucía se graduou e nese momento parouse o tempo e o contador do velocímetro e de repente todo volveu a ser como antes.

Xa o dixen. Lucía volvía a ser feliz e Miguel volvía a ter boa cara e xa non lle importaba o traballo porque estaba a vivir ca muller máis marabillosa do mundo.

O Principio da Indeterminación (VI) O Principio da Indeterminación (VIII)

O principio da indeterminación (6)

Moncho está na porta da súa tenda, da súa taberniña e síntese feliz. Feliz de ter coñecido a Ana, feliz de terlle feito caso cando lle propuxo a idea de montar algo entre os dous, de probar sorte cun negocio, algo deles, ben en realidade é do banco, que ningún dos dous tiña un can e había que pedir un crédito, algo pequeno e familiar. Feliz de ter casado con ela e feliz de que houberan tido unha filla, a súa filliña, o seu ceo, a súa Alma, Almiña, que bonitiña que era, que tranquiliña, que só tiña uns meses pero parecía xa tan adulta tan sería, que todo o quería saber, que as veces tiña cara de querer contarlles algo, pero logo decatábase de que aínda non sabía falar e pechaba os beizos con forza como dicindo que había que aguantarse que xa o contaría cando aprendera, que non se ía esquecer.

Moncho mira a xente pasar, aos estudantes, ás mulleres que están dando un paseo, aos turistas, hoxe non lle entrou ninguén aínda na tenda, pero é cedo, son as cinco da tarde, e a súa xente, dende que abriu a taberna, veñen a partires das sete, sempre cheo ata as doce da noite, e pola mañá, que é cando fai as ventas na tenda, e ao medio día para tomalas tapas. Mira, xa están a abrir os do Iacobus… e de súpeto, esa muller que pasa… como se parece a Luca, pero que un montón, non é Luca? Non pode ser que anda polas Américas, pero… parécese tanto, non sabe que facer, será, non será… merda si que é, corre, e chámaa, Luca, Luca…

“Si?... Moncho, es ti? Moncho! Moncho! E ti por aquí? Cánto tempo! Moncho! Non sabes… non sabes canto…!”
“Luca, Luca, qué tal estás? Dáme un bico, veña.”

Abrázanse. Míranse pero xa con efecto desenfocado polas bágoas que arrasan os ollos dos dous. O cerebro non da creto, pero o corazón xa sabe, xa ten coñecemento e desbórdao ca alegría. Abrázanse.

 

A tenda é ampla, toda de pedra, por dentro parece unha desas casas antigas sen arranxar as paredes, como se fai agora cos pubs e os bares, é a moda, volveuse ás cousas sinxelas, vellas, e qué pode haber máis vello que a pedra sen arranxar? A Luca recórdalle a algún local no que ten estado, como As Crechas. E no fondo, tamén a pedra nu, está a parte da tasca. Como as tabernas das aldeas de antes, agora xa case que non quedan, nas que tanto tomabas un botellín ou un viño como mercabas azucre ou leite. O seu tío Manolo tiña unha alá na aldea. Lucía lembra como lle gustaba de pequena axudarlle á súa tía cas clientas nos días nos que non tiña clase, sobre todo ós sábados pola tarde que era cando viñan uns amigos da cidade, que botaban alí catro ou cinco horas e falaban e falaban cos seus tíos, xogaban ás cartas, e logo facían compra e sempre levaban unha bola de pan ben quentiña, que a traían acabada de facer ás nove da noite, co seu piruco, e logo che duraba case unha semana. Xa non hai pan dese. Eses amigos ás veces traían ós seus netos cos que xogaba a que ela era a tendeira e eles facían a compra, e logo un deles, o maior, que era moi rico casaba con ela e marchaban a vivir á cidade. Ese era o que lle gustaba a ela. Lembra que sempre quería comerse o piruco recendo a pan quente e que lle dicía se quería un anaco.

A tenda de Moncho ata tiña un fogar no que penduraba unha pota. O fogar no inverno acendíase todos os días e a pota, ben, estaba alí para adornar, non se usaba dende facía máis de 50 anos, que fora da aboa.

No lado do ultramarinos, penduraban do teito, en aparente desorde, chourizos, xamóns, lacóns, salchichóns, botelos, “lomos embuchados.” Estalactitas formadas pola suor de sangue dos porcos. E como non, estantes e máis estantes, expositores, cheos de queixos, marmelos, patés, conservas de mexillóns en aceite de oliva e de ameixas ao natural “Malveiras”, latas de ortigas e de algas “Lou” (e de ourizo), e mexillóns tigre ao baleiro, e empanadas, e toneis cheos de café en gran e de feixóns e garabanzos. Pementos do “piquillo” e espárragos. Ovos de casa. Grelos e pementos de Padrón (xa era o seu tempo). Latas con variedades coñecidas e descoñecidas de tes. E do outro lado, viños e máis viños, albariños, ribeiros, mencías, godellos… e como non licores, de herbas, branca, de mel, licor café, con cereixas, licor de oruxo… diríase que aquela era a casa dun larpeiro. Ata vendía pan de Cea.

Un entraba no local e chegábanlle todos eses cheiros de golpe, quedaba abraiado e logo dun momento de indecisión comezaba a deleitarse ca vista de cada un deses produtos e co seu cheiro propio. Serían, as dese local, degustacións ou tapas só de cheiros exquisitos e de ollares fabulosos?.

Logo un pasaba á taberna co seu fogar e as súas mesas de madeira e o recordo deixado atrás como un eco, unha pegada, resistía a marchar.

Aquel era outro mundo, igual de caótico pero distinto. Nas paredes podíanse mirar estantes cun par de radios antigas, ferros de vapor, lámpadas de carburo. Andeis cheos de libros que calquera podía ler segundo lle apetecese ou ben levar a casa, bookcrossing que lle chamaban o asunto: modernidade e tradición atopaban un oco nos recunchos das paredes do local de Moncho. E fotos de escenas do pasado, unha regata en Carril, un mariñeiro da armada inglesa sacándose unha foto cuns paisaniños, unha foto da festa dos Caneiros en Betanzos, imaxes de Santiago de fai 60 anos… Un non paraba de ir dun lado a outro e sempre atopaba algo que lle chamaba a atención: a xente que entraba por primeira vez, pasaba o rato ca cabeza xirada, mirando dun lado ó outro, abraiados, como curuxas indo de tapas e empoladas nun carballo. E tamén habían pezas antigas, como rodas de carros, xuntas de bois, forcadas, todas esas cousas vellas que daquela non tiñan máis valor que o que lles daba o seu uso, e que agora, nos nosos días son cousas “in”, son pezas de museo, mentras esquecemos con demasiada frecuencia o necesarias que eran esas cousas non fai tanto tempo e o traballo que daba telas e usalas. Algún instrumento, un par de requintas, dúas ou tres trompas, un punteiro que lle deixara un amigo, vellas pandeiretas completaban o mostrario.

Nun lado tiña un par de armarios entre recordos máis pequenos e fotos de amigos e xente coñecida do local, todos eles sempre con cara de ledicia, máis o Moncho cando aparecía, cun puntiño de morriña. Os armarios enchíanse de xerras de cervexa, botellas de licores decoradas, catadores de viño, reloxos vellos, un exemplar da “Teoría da física avanzada das partículas”, un par de pipas, unha máquina de facer pitillos…, a lista era inmensa.

E como non, unha bodega cunha boa selección de viños e cun refrixerador cheo a partes iguais de cervexa de importación e copas frías e de botellas de licor café…

O local de Moncho era polo tanto un local para os sentidos, a grande feira dos sentidos da rúa Azabachería.

 

Ese día Moncho prendera o fogar, que era abril pero levaba unha semana facendo un frío que un pensaba que quedaran atascados en xaneiro. Alí sentadiña cun café de pota nas mans estábase ben a gusto, daban ganas de non saír de alí na vida. Dende o seu recuncho ao carón do fogar observaba a Moncho atender a uns clientes. Apenas tivera en toda a tarde, pero non levaban unha hora falando e empezaron a chegar en grupos e nun suspiro tiña a tenda chea. Mellor así que ela aínda non asimilara tanta información, tanta cousa nova.

Cando saíra pola tarde a dar un paseo pola zona vella como fixera nos cinco días que levaba en Santiago, non pensaba en atopar a Ramón nin moito menos. Era algo que conscientemente estaba a deixar para máis adiante. “Agora non é o momento” e retrasaba a busca do seu vello amigo. Pero como son as cousas, ou o destino, nunca crera moito nel, ou se cadra o azar, dáballe igual se deus xogaba ou non os dados, e aquela tarde por fin se decidira a achegarse a San Pedro e indo de volta subiu dende a Porta do Camiño ata a praza de Cervantes e cando ía subindo entráronlle ganas de tomar un café e como estaba preto ou lle cadraba de camiño decidiu pasar polas Crechas. E alí, xusto antes de apartarse do Camiño para meterse na rúa de Sampaio de Antealtares, estaba Ramón. Só facía unha hora que se atoparan, e xa sabía media vida do seu vello amigo. Que casara, que tivera unha nena, que collera o negocio este… Mira, xa rematou, agora parece que non ven ninguén máis.

 

Moncho achégase a ela cunha botella de licor café e unhas copas. Teñen moito que falar pero iso non quita que non poidan celebrar o reencontro do mellor xeito posible. El ten moitas cousas que contar pero tamén tenlle moito que preguntar.

O Principio da Indeterminación (V) O Principio da Indeterminación (VII)

O principio da indeterminación (5)

Ramón era feliz. Afixérase a vivir ao seu xeito, sen pretensións, facendo o que lle petaba e cando lle petaba. Ben, ou a lo menos, cando a muller e a filla lle deixaban. El sempre facía bromas con iso de que a súa dona e a filla o tiñan dominado pero todos os seus amigos sabían que era só iso, unha broma, que morría polas súas nenas e elas por el, nunca miraran ninguén tan compenetrado ca muller e ca filla, que case non parecía que estiveran casados do ben que se lles miraba, dicía con retranca un dos amigos.

Ramón volvera para Santiago facía 5 anos. Fai dous collera unha tenda especializada en alimentos de groumet e produtos da terra e a cousa estaba a funcionar ben. Ata montara unha pequena taberna con tapas. Sabedes cal era o produto que máis lle pedía a xente? O licor café, que llo mercaba a un señor de Redondela. Servíao sempre en copas ben frías, o licor sempre metido no conxelador, espesiño, case se mastigaba, e raro era o cliente que tomaba unha copa e levaba unha botella desas de medio litro, decorada que logo quedaba de adorno ou para meterlle augardente caseiro.

Pero a súa vida dende que sacara a licenciatura non sempre fóra así.

 

Cando coñeceu á súa muller estaba máis que farto de traballar de calquera cousa, traballara de todo un pouco, nun bar na zona vella, nunha cafetería no ensanche, no Alcampo de Fontiñas, facendo enquisas, como paiaso nun parque infantil, camareiro, repartidor. Parecía mentira que fixera unha carreira das máis teóricas e que o final a vida lle levase a polo camiño que a ela lle petase. Ás veces sentírase como si tivera sido esculpido durante sete anos para que logo viñera un grupo de rapaces a cubrilo de grafitis. Dende o fin da carreira fora como si se movera continuamente sen ter nin puta idea de onde estaba.

Cando coñeceu á súa muller levaba un tempo cunha boa depresión. Nada lle apetecía. Ía a traballar porque tiña que pagalo piso de alugueiro no que vivía e comer que non ía morrer de fame, pero pouco lle faltaba para se encerrar no seu piso, o coelliño medoñento no seu furado na terra cas orellas caídas a taparlle a cara… “Corre coelliño corre, fai un tobo e esquece o sol”. El, no seu fondo sabía que a depresión aquela pasaría, antes ou despois, que xa pasara antes por elo, que bo é ter experiencia e lembrar o teu pasado, pensaba el. A outra vez fora cando Miguel e Luca desapareceran da súa vida, xa fai uns anos, merda, por qué se acordaría de eles agora, tanto que os botaba de menos, agora entráballe a moqueira, as gañas de chorar…

Cando coñeceu á súa muller, Moncho pechara sobre si mesmo e estaba case a piques de se pechar para sempre. O día aquel que se lembrou dos seus vellos compañeiros de cando estudaba, decidiu que tiña que facer algo, que non podía seguir así. Tiña que se parar e mirar por onde andaba, e decidiu que esa tarde chamaría o seu colega e que irían de festa por Santiago adiante. Que carallo… unha boa chea de licor café e xa vería el como desaparecían as penas.

E tanto que mata as penas!. Boa era a que levaban Moncho e o colega de bar en bar, de taberna en taberna, os dous tenores, os alegres da rúa Ourense, os do licor café nas Crechas e os do bailoteo a ritmo de funky no Insomnia, e vai o colega, que non se podía estar parado, e vótalle un ollo a un grupo de nenas todas elas bailando tamén como tolas, que un vai ó Insomnia a desmelenarse, non pode ser doutro xeito, é o ambiente que hai alí dentro que che envolve e ti non tes ganas pero de súpeto ves que bailas tanto como o que máis. O colega empeza a falar con elas, especialmente con unha delas, que fermosa que é, pero Moncho que é máis tímido non se atreve e queda a un lado, non fala, só mira, el quere pero non é capaz e pasa o tempo, está a facer o ridículo, vai a barra, colle un par de birras e volve e dálle unha ó colega e el preséntalle a unha rapaza, un par de bicos, encantada, eu tamén, e comezan a falar, o amigo que xa vai por outra do grupo, meu deus non pasan nin dez minutos e xa lle está a facer unha exploración bucal, sería por iso polo que fixo odontoloxía?. E el que segue a falar, agora falan de libros, que os dous lles encantan e séntense cómodos, non paran de citar os favoritos de cadanseu, falan e falan e falan, xa non escoitan a música, e van quedando afastados do resto, e Moncho que sabe que ten que probar, que ten que ver si se deixa bicar, e achégase e proba… e xa está, bícanse e tócanse, e os minutos seguen a pasar e non se decatan.

“Ei, perdón, parade un momento… mira, nos imos o Tarasca, vides ou quedades?”
“Qué facemos? Vamos, non?”
“Veña”

No Tarasca nada cambia, eles ao seu, bicos e bicos, e as mans que non sabe onde acaban de cada volta, e logo que marchan ao Ruta e alí peor que é escuro, moi escuro e perden o medo, que ninguén os mira, cada un ca súa borracheira, cada un cas súas tolerías, e eles que seguen a se bicar como se a boca do outro fora a fin do mundo e a se tocar máis aínda, xa en lugares ocultos, como nos libera a paixón, como é estar peneque, mirar as cousas polas gafas de cristal de botella de cervexa.

Chega o fin da noite, o comezo do día, e despídense, Moncho sabe que ela lle gusta e que a ela lle gusta el, por qué van a foder isto cunha noite de cama, así mellor, el pídelle o teléfono e dálle o seu. Espera até o martes e chámaa e quedan, van o Paraíso Perdido, falan e falan e logo á Casa das Crechas e de súpeto Moncho pásalle o brazo polos ombreiros e bícaa de novo e abrázanse. Logo acompáñaa a súa casa e no portal vólvense a bicar e deciden quedar para o venres, ela vai saír cas amigas pero pódense ver nalgures, no Insomnia, vale, como o outro día.

O venres chega, atópanse no Insomnia e ademais de se bicar, falan e falan e bailan. Ela lévao á súa casa e pasan o resto da noite e da mañá a foder e a durmir, e a foder de novo. Moncho, que sempre tivo aquela espiniña de peixe cravada no seu corazón descóbrese á hora de comer namourado daquela rapaza.

A súa vida cambia, agora xa sabe onde está, xa ten unha referencia. Agora xa non lle importa tanto o resto, xa atopará antes ou despois un traballo bo. Podería preparar oposicións ou algo así pero agora non ten gañas de se pechar a estudar como un tolo, se o tivera feito cando rematou a carreira…

O Principio da Indeterminación (IV) O Principio da Indeterminación (VI)

terça-feira, 1 de maio de 2007

A Felicidade!!!

Coñezo unha canción, que me encanta por certo, que di:

Tristeza não tem fim
Felicidade sim

A felicidade é como a gota
De orvalho numa pétala de flor
Brilha tranquila
Depois de leve oscila
E cai como uma lágrima de amor

A felicidade do pobre parece
A grande ilusão do carnaval
A gente trabalha o ano inteiro
Por um momento de sonho
Pra fazer a fantasia
De rei ou de pirata ou jardineira
Pra tudo se acabar na quarta feira

Tristeza não tem fim
Felicidade sim

A felicidade é como a pluma
Que o vento vai levando pelo ar
Voa tão leve
Mas tem a vida breve
Precisa que haja vento sem parar

A minha felicidade está sonhando
Nos olhos da minha namorada
É como esta noite
Passando, passando
Em busca da madrugada
Falem baixo, por favor
Prá que ela acorde alegre como o dia
Oferecendo beijos de amor

Tristeza não tem fim
Felicidade sim

"A Felicidade"
Tom Jobim
(Composição: Antonio Carlos Jobim e Vinicius de Moraes)

Escribo isto porque apetecíame falar dun libro que lin hai pouco, A viaxe á felicidade, de Eduardo Punset.

Só indicar que non se trata dun libro de autoaxuda aínda que poida parecelo, é un libro de divulgación científica, no que paralelamente danse indicacións que poderían axudarnos a ser máis felices ou non. É un libro no que se dá un repaso a todos o descubrimento científicos acerca da felicidade humana, e dado o intenso e interesante que é só vou mencionar a parte que até certo punto é a que pode axudarnos a ser máis felices. Comentarvos que todo o libro é interesante. Aconséllovolo.

FACTORES DA FELICIDADE

Factores reductores do benestar (R).
Desaprender o aprendido de forma consciente e continuada. Non someter á experimentación e á proba os pensamentos e as conviccións é inversamente proporcional aos índices de felicidade.
Memoria grupal.
Tratar de coordinar os procesos que foron automatizados ou que poderían automatizarse usando os recursos asignados á xestión de procesos conscientes e discrecionales.
O medo.

Carga herdada (C).
As mutacións herdadas e as propias.
Desgaste do corpo.
O envellecemento.
Exercicio abxecto do poder político (feito cultural herdado).
Imaxinarse situacións de etrés aumenta a ansiedade e por tanto reduce a felididade(só sucede nos humanos. É mellor tratar de imaxinarse situacións que nos producen felicidade).

Factores significativos (S).
Emoción (E): multiplicador do numerador. As emocións de empezar cousas ou proxectos novos ou de lograr obxectivos, en cantidade xusta, fan que a nosa vida sexa máis feliz.
Mantemento e atención ao detalle (M): é necesario dedicar recursos ao manteniento en detrimento de o investimento. É mellor gozar de boa saluz no presente que reservar enerxías para gozala no futuro.
Procura (B): só vemos e imaxinamos o que estamos afeitos ver. Prodúcenos máis felicidade a expectativa e a procura que a propia meta. A felicidade está escondida na sala de espera da felicidade.
As relacións persoais (P): inflúe máis na felicidade as relacions persoais que o clima. Os habitantes de Groenlandia non son máis infelices que os de Sicilia.

FACTORES REDUCTORES (R)
Ausencia de desaprendizaje
Recurso á memoria grupal
Interferencia cos procesos automatizados
Predominio do medo

CARGA HERDADA (C)
Mutacións lesivas
Desgaste e envellecemento
Exercicio abxecto do poder política
Tensión imaxinada

FACTORES SIGNIFICATIVOS (S)
Emoción ao comezo e final do proxecto (E)
Mantemento e atención ao detalle (M)
Goce da procura e a expectativa (B)
Relacións persoais (P)

E (M + B + P)

Felicidad = ----------------------------

R + C

Agora, tras escribir isto e lelo no blog, ocórrenseme ideas do meu pasado e penso que facendo un balance do bo e o malo do que levo vivido, o saldo é positivo, que debo considerarme unha persoa que coñeceu a felicidade. Non quixese aparecer agora como un "listillo" ou algo así, e sempre me considerei unha persoa relativamente normal. Houbo momentos na miña vida moi bos... e momentos na miña vida moi malos, quizais máis dos que quixen... pero como saber en que grao foron malos? Cada un vive o que lle toca e sabe o que lle tocou sufrir. Houbo momentos da miña vida nos que me sentín moi feliz e momentos nos que me sentín moi desgraciado, nos que quixen ser outro eu ou outra persoa. Agora son quen, até certo punto sempre quixen ser e o certo é que ao mirar esa fórmula e, repito, sen ánimo de ser presuntuoso penso cousas.

Sempre tratei de usar a experiencia propia e de aprender probando. Gústame ser independente e rexerme polos meus propios criterios, non polos do monstro colectivo. Non llo que é a interferencia cos procesos automatizados pero sei que sempre trato de non deixarme levar polo medo. Fisicamente só me podo queixar do meu gran cu e das miñas curtas pernas, pero aínda son novo e non me atopo mal de saúde. Os poderes políticos son algo que non podo controlar e non me adoito deixar levar por eses pensamentos do mal que o vou a pasar por unha ou outra situación: ao contrario, si que trato de pensar no feliz que vou ser cando chegue o sábado e xúnteme, por exemplo cos Malmequer no serán.

Son unha persoa que vive coas súas emocións, que trata de dedicar tempo ao mantemento facendo exercicio, que sempre soubo que é máis importante a procura e que lle dá gran importancia ás relacións persoais.

O que quero dicir, é que quizais teña razón o Sr. Punset e que quizais deberiamos dedicar tempo a analizar nas nosas vidas eses factores e ver se realmente somos felices ou non.

Blog de Eduardo Punset
Web oficial de Eduardo Punset
Eduardo Punset en Wikipedia