XA QUE CHORANDO NACÍN

terça-feira, 22 de maio de 2007

Cando sopla o Nordés...tin@s!!

Na miña terra, no Salnés, todos sabemos que cando sopla de nordés-te ven o bo tempo. Sopla o vento e pola noite fai fresquiño pero loce o sol que da gusto... En Vilagarcía a cousa vai máis aló: cando o vento ven de Carril.

É por iso que eu particularmente adoro o vento do nordés. Para min, ven cargado de morriña, é un vento morriñento, pero tamén de felicidade e de enerxía. Quizais por que min de neno sempre significou día de praia, e a praia era poder estar cos meus amigos, unha tarde de diversión. Agora ese tempo xa pasou pero aínda o vento do nordés, o vento de Carril, é vento de sol e de boas lembranzas e de morriña e de felicidade.

Podería ser que por iso o trío formado por Abe Rábade, Ugía Pedreira e Guadi Galego collera o nome de Nordestin@s?. Non o sei. Non podo saber o significado que ten para eles. Pero o certo é que escoitando o disco, sei o significado que ten para min a súa música: é o mesmo que cando sopla o vento do nordés dende Carril.

Música morriñenta, melancólica, pero o mesmo tempo forte, con enerxía, que trae, case sempre, lembranzas do sol. Non pode ser doutro xeito. A súa base é o Jazz, e as melodías do jazz, os acordes, sempre traen o sol (ou case sempre).

Pero tamén teñen a tradición, nas letras, nas melodías. E con elas veñen as sensacións máis variadas: o amor, a paixón, a vida, o sofremento. A morte. O Jazz é unha música de sensacións.

Sempre farei loita polas cousas sinxelas... non polo minimalismo, si pola sinxeleza. Non son o mesmo. A sinxeleza é comer unhas castañas asadas ó lume. Ó minimalismo é por unha soa castaña nun plato. A sinxeleza é facer música usando só un piano e dúas voces separadas por unha octava. Qué pode haber máis sinxelo que o piano do Abe Rábade e as voces da Guadi Galego e da Ugia Pedreira? Para min facer algo fermoso con tan limitados elementos é unha demostración de grandeza, de xenialidade.

Quizais estea esaxerando...

"Como se extende a mancha, igual que o amor. Negar o azul é máis que nomea-lo nao falarei do mar."

Non falarei de todo o disco, tan só de amores. Falarei de amores. "Falar de amores". Supoño que é o meu tema favorito. Nel mírase perfectamente o ton de melancolía que lle da o piano ós temas de Nordestin@s. Bueno, é o poema de Ugía, que é sinceiramente, delicioso... "...os medos con valor".

Unha melodía fermosa na que a parte vocal ten un peso recurrente ata que chega á volta, e entón desborda... nese... "e falar de amores", e polo fondo pero subindo ó fronte e volvendo a baixar, xogando, o piano, entrelazado cas voces, marcando o ritmo, a intensidade, dando forza, e dando a calma no poema... Non podo falar dos sentimentos e das sensacións que me producen, son moitos. Simplemente encántame.

Nada máis engadir, que aconsello o disco. Quizais pareza lento pero o certo é que hai un tempo para todo. E para escoitar este cd tamén o hai. Disfrutádeo se o mercades ou se o escoitades nun concerto. É a forza e a maxia do Nordés...

Páxina de Nordestin@s
Páxina de Abe Rábade Trío

Nenhum comentário:

Postar um comentário