XA QUE CHORANDO NACÍN

segunda-feira, 7 de maio de 2007

Verde

Miro pola xanela da casa e a natureza mostra todo a súa poder ante os meus ollos. Unha nova castiñeira cunhas poucas follas novas, aínda lle pesa o inverno; unha laranxeira, roseiras, amendoeiras, sen a súa branca flor xa co inmaduro froito; unha figuera de grandes follas, unha árbore dos kiwis (cal é a árbore que dá os kiwis?), un crisantemo, vides, moitas vides, moreas de árbores cuxo nome descoñezo e herba, todo o chan cuberto de apetecible herba, que me fala, dime, mira que fermosa tarde, non che apetecerá vir e tombar e esquecer de todo?. Resísto. Nun día como hoxe case son como un Ulises máis.

Sobre o pozo unha maceta con xeranios vermellos e ao redor o sebe de mirto que hai tempo non se arranxa. Todo o terreo que separa as dúas fileiras de casas, as de arriba, na lomba, e as de aquí abaixo, está cuberto de verde, de plantas, de árbores.

De cando en vez as follas móvense ao paso da invisible man da brisa. Non fai demasiada calor, tan só o xusto. Hai insectos revoloteando no agradable aire do atardecer, puntiños que se moven nerviosamente, indecisos, ninguén sabe que desexo os motiva... ou quizais sexa polo melro que hai á beira do castiñeiro?. Máis aló, na sombra doutra árbore rebuldan tres pardais. Agora aparece outro melro máis. A súa negra prumaxe destaca entre o verde e brilla polo sol que loce poderoso e dáste conta de que nada pode parar á natureza. Nada importa o que coidemos os xardíns. Os nosos esforzos, continuos, son vans.

De fondo soa rápida, ensoñadora, a trompeta de Art Bakley, mesturada co canto dos paxaros, e, entre o acougo, o tentador acougo, lembra a unha cínica e melancólica risa.

Um comentário:

  1. A pesar de todo, as veces dame a sensación de que o verde dos xardins xa non tn a luminosidade #blgtk08#que tiña antes. Que as árbores andan un pouco despistadas, pero ainda así, ¡qué fermoso color!

    ResponderExcluir